|
Lonxe
dos momentos de inquedanza que estamos a vivir, dos negros
horizontes que o mar disputa coa terra e os que desde ela
non a entendemos, a pintura continúa firme no seu diálogo
co home e a sociedade. Galicia é xerme de pintores,
de pinceladas que mergullan na alma dunha sociedade tinguida
de ilusións, que a cada paso acada, mediante o afondamento
na súa cultura, facerse máis forte e poderosa.
A pintura cada vez fala máis alto do que unha terra
é capaz de ofrecer, e os nomes que neste volume presentan
unha traxectoria consolidada, aínda que con pleno coñecemento
dos discursos internacionais, fan unha recomposición
do seu intimismo creativo e bótano enriba de todos
nós para nos facer partícipes da súa
ledicia. Abstraccións, realismos, expresionismos, son
todas actitudes válidas ante o cadro e ante a vida,
o xogo interior á hora de pintar exteriorízase
e vincúlanos coa arte facéndonos xogar tamén
a nós.
|