Monet abre o camiño á pintura "ó aire libre", marcando durante decenios as páxinas máis importantes da historia do Impresionismo, que levará ás últimas consecuencias nas pinturas dos estanques das ninfas, ata chegar case á abstracción.
Tal vez ningún outro, na historia do home, encarnou como Leonardo o verdadeiro “xenio”. No corazón do Renacemento, Leonardo explora en solitario os máis diversos campos da arte e máis da ciencia.
Piero della Francesca encarna o espírito do humanismo. A mente, liberada dos vínculos medievais, vólvese centro dun universo construído “á medida do home”. Espacio, luz, cor, arquitectura e natureza: Piero goberna maxistralmente a imaxe.
Desde a formación académica nas provincias españolas de finais do século XIX ata a súa morte, pasando polo período das vangardas parisienses e a explosión do Cubismo, Picasso domina a arte do século XX, e as súas obras son símbolo mesmo da arte e da cultura contemporáneas.
Desde copista no Louvre a rei dos fauves: infatigable e paciente, Henri Matisse soubo fundir na súa pintura o ensino dos antigos mestres e as novas suxestións da arte primitiva africana.
Kandinski, desde o Blaue Reiter, é un dos precursores máis importantes da arte abstracta, as súas pinturas e ideas son unha das experiencias determinantes para a evolución da pintura contemporánea.
A parábola humana de Rembrandt marca a páxina máis alta e máis tráxica do “século de ouro” holandés. Proxectado á cúspide da pintura e logo precipitado a unha ruína imparable, Rembrandt deixou grandes obras memorables, cargadas de humanidade e de emoción.
Sen perder nunca a alegría da luz e a cor, Cézanne non se detén na “impresión” e intervén sobre a forma da natureza, remodelándoa “co cubo, co cilindro e coa esfera”. Recupera o ton solemne da arte clásica, converténdose en modelo para as vangardas do século XX.
Na serena vida artística do París de finais do XIX, estoupa a ardente pintura dun mozo holandés. Van Gogh transfire ó lenzo, con pinceladas cargadas de cor e de paixón, os tons ásperos e as emocións dunha vida breve pero intensísima.
Gauguin é un dos pintores máis fascinantes de finais do séc. XIX, un dos poucos que rexeitou o París impresionista e alegre. Ás dificultades da vida diaria, Gauguin contrapón a busca sublime da pureza e a beleza, polas que deixa todo e marcha a Tahití.
Renoir ofrécenos algunhas das imaxes máis frescas e amables da arte: as diversións dun París despreocupado. Renoir é un dos fundadores do Impresionismo. A súa é unha pintura sempre en movemento, que nos agasalla co raio resplandecente da ledicia.
O s. XVII en España é o século de Velázquez, xenio da arte, intérprete dunha sociedade oprimida entre a corte e a crúa realidade. A súa arte é a imaxe interior duns homes e mulleres cheos de paixóns, cunha presencia intensa e directa que os aproxima a nós, que os fai eternamente actuais.
Pintor, arquitecto, escritor, Miguel Anxo sentíase sobre todo escultor. Esculpi-lo bloque de mármore co cicel, facer emexer fatigosamente o “concepto”, a idea aprisionada dentro da materia, expresarse por “afán de elevar”: nesa acción solitaria e tensa concéntrase a enerxía do xenio, aplácase o ansia polo tempo presente, chámase as portas da inmortalidade.